Presentación da VII edición do Castelo Conta

Xosé A. Touriñán, o alcalde de Culleredo e outros representantes políticos durante o acto de presentación do Castelo Conta

Unha nova edición do Castelo Conta xa está en marcha! Hoxe presentamos no Campo da Capela de San Ramón a nova imaxe e a programación deste ano que podedes consultar nesta web.

Nun acto no que estivemos acompañados polos veciños e veciñas de Castelo, Xosé A. Touriñán avanzou os espectáculos e actividades que poderemos desfrutar do 22 ao 28 de agosto nos diferentes espazos. A Xente Miúda do Castelo Conta e os Contos de Castelo volverán, un ano máis, xuntar aos nosos veciños máis novos e aos maiores, xerando o gran ambiente que desfrutamos ano tras ano. Os Seráns do Castelo Conta, as Noites do Castelo Conta e o Día Grande do Castelo Conta traerán grandes espectáculos de artistas galegos e galegas cheos de humor e música, a festa está garantida!

José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, acompañounos para dar a benvida á veciñanza e remarcar o compromiso do Concello de Culleredo co Castelo Conta un ano máis, destacando a importancia de traer ao rural unha programación cultural de calidade durante unha semana. Pola súa banda, o xerente do Xacobeo 21·22, Ildefonso de la Campa, tamén estivo presente e resaltou o compromiso das institucións cun festival que reforza a nosa identidade como pobo a través do contar, que é a basde da transmisión da cultura. A Agadic e a Deputación da Coruña tamén apoian esta nova edición que un ano máis conta co patrocinio de Estrella Galicia e Deleite.

Grazas ao compromiso de todas estas entidades, o Castelo Conta pode seguir medrando e construíndo un punto de encontro anual en Castelo aberto a todo o mundo.