As Fillas Bravas visitan Castelo nesta nova edición, achegándonos a realidade social nun formato entre o diálogo e o cantar, toda unha xuntanza popular. Estas tres pandeireteiras de Momán presentaranse ante o seu público en Xalo, cunha chea de coplas e lerias sobre as que entonar uns cantos, conversar e por que non, tamén, disputar.
Así, entre todas as actividades que terán lugar o venres 26 estarán elas: Isaura (Patricia de Lorenzo), Dosinda (Mónica García) e Benedita (Arantza Villar), preparadas para trasmitirnos a súa sabedoría a través da oralidade, sen esquecer, en ningún momento, a retranca que tanto as caracteriza.
Estas tres mulleres tratarán diferentes temas de interese social en chave cómica, coa máxima de concienciar ao seu público e xerar un debate necesario, tomando parte activa desta peculiar análise social, que reflicte unha mirada sensible sobre o noso entorno e as nosas xentes.
A entrada para sumarse á xuntanza destas tres empoderadas mulleres é de balde e para todos os públicos.