Comezou o Castelo Conta, dando lugar a unha xornada na que os máis pequenos desfrutaron mañá e tarde. Onde tamén desfrutamos os maiores, xuntándonos, conversando e gozando da música.
Esta primeira xornada foi inaugurada polos miúdos e miúdas do Castelo Conta. Entre materiais artesanais, puideron coñeceron un senfín de xogos tradicionais. Deseguido chegou o obradoiro de papiroflexia, reflectindo coas mans diferentes deseños con nada máis que papel. Para rematar, a xente miúda iniciou os ensaios do que será o seu propio espectáculo, ao que asistiremos ao final da semana!
Por se fora pouco, durante a tarde tamén tiveron a oportunidade de asistir e participar do espectáculo cómico e musical Saaabor! Entre utensilios de cociña, percorremos as notas musicais e aumentamos o ritmo cos ingredientes necesarios para, finalmente, degustar o menú familiar dos nosos chefs, Fran Rei e Félix Rodríguez.
Entre unhas e outras, xuntámonos en Castelo de Abaixo para conversar coa veciñanza do lugar. Falamos sobre as festiñas populares, sobre a tradición ao redor delas, e tamén sobre os xantares que complementaban estes encontros e tamén os familiares. Falamos do pasado, do aquí e o acolá dese tempo atrás.
Rematamos a xornada coa música dun dueto que fai música do vento; entre o acordeón e o violín, Sabela e Antía preséntannos a súa propia linguaxe, que toma o punto de partida na tradición. Así, dende a música de raíz, Caamaño&Ameixeiras manteñen a esencia do popular cun engadido contemporáneo.