A primeira muller que gañou a vida cantando sobre os palcos das orquestras, a costureira que fixo as Américas e volveu coma empresaria para abrir un café cantante en Cambre, ela era Finita Gay. A súa faceta coma pioneira no mundo da música é historia, porén, a Martela máis persoal que lembra hoxe a veciñanza do seu natal Castelo é un conto.
“Finita organizaba as festas, estaba conmigo na Comisión”. “E ía pedir a cota polas casas coma todos”. “E pasaron por aquí as mellores orquestras que había daquelas”. A veciñanza é por quen coñecemos á artista á que se homenaxea neste segundo serán do Festival Castelo Conta, cun público ao que se lle pregunta ao comezo alguén tiña relación con ela. A irmá pequena que veu de Suíza, a nora, as netas e ata os bisnetos erguen a man nese momento para que Touriñán diga: “Pero se a metade do público é familia directa”. Finita foi a única que fixo da música o seu traballo, mais un veciño sinala que a irmá “tamén che cantaba moi ben”. “Si, cando ía coas vacas”, engade ela.
Entre o público tamén hai algúns veciños que a viron actuar naquel primeiro momento momento no que, a modo de espontánea, subiu ao palco da orquestra cuns doce ou trece anos e se puxo a cantar. “É que daquelas non había Operación Triunfo”, comenta outra familiar. Onde si presenciaron a súa arte moitos máis dos asistentes foi no seu establecemento A Martela porque, como ben dixo Xurxo Souto, os emigrados ao volver normalmente construían unha casa, ela fixo un café cantante. O integrante dos Diplomáticos de Monte-Alto cantou en directo unha canción de Finita, ‘Vieja’, e lembrou que foi a artista a que axudou á orquestra na que estivera seu avó, Los Satélites, cando fixeron unha xira por Sudamérica. Xira que Xurxo Souto lembra que fracasou, “porque ían cantar cancións tropicais ao trópico, que é como se viñesen uns xaponeses aquí tocar muiñeiras”.
As netas de Finita chegaron a vela actuar no seu café cantante e recórdana como “a persoa máis feliz do mundo cando estaba enriba dun escenario, era a estrela”. Sen dúbida, a súa figura e a súa traxectoria non serían as que foron de non ser polo agarimo e a admiración da súa xente. Todo canto se dixo nestes Contos de Castelo demostran a gran personalidade que tiña esta muller que rachou con todo o que se supuña que debía de ser. “Para facer o que ela fixo había que ser alguén fóra de norma”, sentencia a irmá pequena de Finita, “para facer o que fixo ela hai que ser o que era ela”.
Agora a súa cara, sorrinte e ben ergueita, está retratada no Campo da Capela nun gran mural de Mon Devane que, cos seus tons turquesa e o seu realismo, tornou unha fotografía da artista nunha gran homenaxe. O artista urbano galego foi “liado por Touri” para realizar este proxecto cuxo resultado, nas palabras do propio autor, “respira un aire nostálxico á vez que dá a ver a diva que foi”.