A xornada do martes tivo unha clara protagonista, unha veciña do lugar; eliximos conmemorar a figura de Finita Gay no marco do festival. Mais, coma sempre, tamén atopamos un oco para a representación escénica en directo, pois a música e teatro son identificativos do Castelo Conta.
Na xornada da mañá, os nosos miúdos transformáronse en pequenos agricultores; traballando a terra e cultivando diferentes hortalizas. Da man da veciñanza e da Botica do Agro aprenderon sobre autocultivo, incentivando unha forma de consumo sustentable e tamén divertida!
O comezo da tarde foi destinado a rememorar a extraordinaria Finita Gay, á recuperación do seu papel como muller e como profesional na sociedade daquel entón. Conversamos ao redor da súa figura na que os veciños e a súa famila recordou os seus inicios na música e a súa traxectoria, ata Xurxo Souto arrincou a cantar para pechar a conversa. Finalmente, pechar o acto coa inauguración do mural realizado na súa honra por Mon Devane, que hoxe se pode ver no Centro Social de Castelo.
Coa noitiña, chega a música tamén. Nesta ocasión, estivemos acompañados por Sés, puidendo desfrutar da artista en versión acústica. Así, combatemos a noite coas súas letras á vez que nos adentramos na súa propia revolta musical. A cantora coruñesa tamén lembrou a figura da Martela cunha canción dedicada a súa figura pioneira.
A noite rematou con Hoy puede ser mi gran noche. Darlene e Noemi Rodríguez gañaron axiña a complicidade do público de Castelo co seu espectáculo no que a nostalxia dos anos 90, a música e o humor enchen o escenario no que o talento destas dúas irmás enche todo e contaxia case sen que nos deamos conta. Un gran remate para este martes que deixa con ganas de máis. Por sorte, mañá continúa o Castelo Conta!