Un festival que facemos entre todas e todos

O Castelo Conta é unha gran festa, unha semana chea de espectáculos, música, actividades para a cativada, xuntanzas cos veciños máis maiores, recuperación das nosas historias, xantares, ceas, andainas… e moito humor e respecto pola nosa casa; as aldeas e montes de Castelo.

Todo isto é posible grazas ao traballo e a aportación económica das veciñas e veciños, que ano a ano seguen sumando esforzos para poder ter unha semana de festa onde a nosa cultura e a tradición son o selo de identidade. Unha festa con actividades pensadas para todas e todos e con especial atención á creación de novos e novas espectadores e contadoras, cunha chea de actividades para a Xente Miúda nas que poñemos moito esforzo na transmisión do respeto polo medio natural e pola arte de contar, sen deixar nunca de lado a diversión.

Este traballo non sería posible sen as institucións que apoian o festival pola súa relevancia cultural e singularidade, xa que as características do Castelo Conta son únicas en Galicia. Así, o Concello de Culleredo, a área de Cultura da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e o Xacobeo 21·22, achegan o impulso económico necesario para completar o esforzo da veciñanza de Castelo, que ano tras ano saca adiante unha programación cultural de primeiro nivel.

Ao noso carón están tamén empresas galegas como Deleite e Estrella Galicia, patrocinadores do festival, que entenden que a cultura é un valor importantísimo para a sociedade e colaboran para a realización do Castelo Conta, camiñando da man para facer aínda mellor un evento cultural do que todas e todos nos sentimos orgullosos.

O Castelo Conta non ten ánimo de lucro, polo que a implicación do público mercando entradas e o diferente material promocional que estará a venda durante o festival, é indispensable para poder seguir mantendo esta gran semana da comedia, a cultura rural e a tradición oral. Podedes mercar as entradas para os espectáculos e actividades que as requiren aquí ou nos puntos de venda físicos. Tamén poderedes mercar as camisolas, suadoiros, bolsas e libretas desta edición no posto instalado Leira de Himerio, en Folgueira.

O luns 22 arrincamos esta VII edición do Castelo Conta. Vémonos ali!!!!