O martes 23, Noemi e Darlene Rodríguez traen ao Castelo Conta Hoy puede ser mi gran noche, un espectáculo no que a autoficción serve para configurar unha historia chea de humor e música.
Gañador do premio do público da MIT de Ribadavia, Hoy puede ser mi gran noche é unha festa teatral que nos fala dun cantante de orquestra da Galicia dos 90 e das súas dúas fillas; que queren ser como o seu pai por riba de todo. As dúas actrices despregan todo o seu talento en escena, atrapando o público e sumerxíndoo na súa historia. Unha historia na que máis ou menos todo o mundo pode verse reflictido; o desexo de triunfar, de facer algo especial e ser recoñecido e admirado.
Noemi e Darlene transpórtannos á súa infancia nos anos 90, aos programas de televisión, a estética, as cancións… cunha posta en escena sinxela pero moi efectiva. O humor e a música van da man para sumerxirnos, a base de cancións, bailes e escenas cheas de comedia, na vida das irmás Rodríguez e na nostalxia daquela época. Unha proposta diferente, emocionante e moi divertida para as Noites do Castelo Conta.
Hoy puede ser mi gran noche estará o martes 23 ás 22.00 horas en Folgueira. O acceso é libre.