Liserxia pangalaica, catarse cósmica e druídica da man do conxunto coruñés.
MOURA é unha das bandas galegas de rock psicodélico máis destacadas dos últimos tempos. Formados por Diego Veiga, Hugo Santeiro, Fernando Vilaboy, Luis Casanova, Pedro Alberte e Belém Tajes, contan cun directo contundente e enérxico, conseguen que o rock progresivo, o folk e a psicodelia conflúan con liñas melódicas próximas ao folclore tradicional.
Defínense como ecos dos cantos druídicos entoados na Idade Antiga, megalitos en visión calidoscópica, guitarras coma arpas de bardos e pés bailando arredor do lume no último acantilado do planeta. Un aquelarre de brétema psiquedélica progresiva con raigame folk e mitoloxía galaica empregando a lingua galega como voz ritual comunal que persegue o transo colectivo.